O galego é un idioma estenso e útil, por que con pequenas variantes fálase no Brasil, en Portugal e nas colonias portuguesas. A esta fala popular, viva e gloriosa, os imperialistas chámanlle dialecto. Máis eu preguntaríalles: Dialecto de que idioma ? Do que vós chamades español ?. De ningunha maneira, por que o idioma que vós impuxestes pola forza é un irmán menor do galego. Acaso queredes dicir que é dialecto do latín?. Pois entón chamádelle dialecto ao francés, ao italiano, ao romanés, por que tamén son fillos do latín e irmáns do galego.
E diríalles máis: Prohibistes o galego nas escolas para producir no espírito dos nosos rapaces un complexo de inferioridade, facéndolles cres que falar galego era falar mal e que falar castelán era falar ben. Expulsastes o galego das Igrexas, facendo que os representantes de Cristo explicaran o Evanxeo no idioma oficial, que o pobo non falaba nin comprendía ben. Refugastes o galego antes os Tribunais de Xustiza e chegastes a castelanizar barbaramente as toponimias galegas.
E de que vos valeu ? Por que despois de máis de catro séculos de política asimilista, exercida con toda riqueza de astucias e violencias, o noso idioma está vivo. Sodes, pois, uns imperialistas fracasados.
Totalmente de acordo
ResponderEliminar